LugoPatrimonio :: Asociación Cultural

O profesor Francisco L. Rodríguez Guerreiro introduciunos onte nas augas azuis do mar dos seus estudos e recordos. Unha conferencia de múltiple colorido, na que entrou de forma amplia nos seus aspectos variados: usos económicos, lendas, historias de afogados e até na música e literatura que o mar galego produciu ao longo dos séculos. E, como sempre, as fotos seleccionadas arredondaron de xeito artístico a súa exposición. O próximo día 12 de xullo completará o percorrido  no propio espazo físico do mar de Viveiro.

 

Xoves, 03 Xullo 2008 00:00

Francisco Luís Rodríguez Guerreiro

 

(Celeiro-Viveiro, 1953). Traballa no ensino público desde 1983. Desenvolveu un intenso traballo na Agrupación Cultural Sementeira. Promoveu distintas campañas para pór en valor o patrimonio construído, como a da adquisición e rehabilitación do Teatro Pastor Díaz. Animou a Asociación para a Defensa da Ría de Viveiro e a Comisión para a creación da área natural do Souto da Retorta en Chavín. Actualmente está a traballar, con un grupo de persoas de varios concellos da Mariña Luguesa, na constitución da Asociación Sociocultural Mariña Patrimonio que nace para defender o patrimonio cultural, material e inmaterial desta comarca.

2 de Xullo: Cos actos dos días 3 e 12 de xullo rematará o ciclo dedicado á Auga 

     O día 3, ás 20 h. e no salón de actos da Deputación Provincial, Francisco L. Rodríguez Guerreiro falará sobre Arte, usos e cultura popular arredor do mar. Apoiará a súa disertación con fotos e dvd relacionados co tema. De 19 a 20 h. continuará o prazo para anotarse á viaxe a Viveiro.

     Francisco Luís Rguez. Guerreiro é de Celeiro, un dos portos pesqueiros, xunto con Burela, de máis empuxe  na Mariña luguesa. A súa exposición, apoiada con  imaxes fotográficas, xirará arredor do mar, traendo até Lugo o cheiro a brea e a piche das embarcacións sobordadas, o ambiente das chabolas onde se fundía o chumbo e as redeiras cosían os aparellos e tamén o arrecendo das moitas fábricas e fabriquíns coas traballadoras  puxando polos carros de grellas,  preparando as cabezudas para os píos do arenque, apostando a cabala, o mucareu, o bonito ou o que cadrase…Arredor do mar tamén xiran os muiños de maré para proveito dalgún muiñeiro e aíndan fican restos de torres fortalezas que algún día defenderon a beiramar. E tamén nestas augas salgadas obrou Gonzalo o milagre da balea de San Cibrao segundo nos conta Cunqueiro…

     Unha intervención arredor do mar que pretende convidar á viaxe que LugoPatrimonio organiza ás Terras de Viveiro o vindeiro día 12 de xullo. 

     O día 12 de xullo sairemos ás 8 h. de diante do instituto Lucus Augusti para Viveiro, onde subiremos ao monte de San Roque, daremos unha volta longa pola ría nun barco pesqueiro, xantaremos na praia da Abrela a base de produtos do mar, pasearemos polos recunchos, estreitas canellas e lugares característicos desta fermosa cidade, andaremos polo Celeiro mariñeiro e acabaremos o día visitando o museo do Mar e coñecendo o castro da Atalaia de San Cibrao.


Venres, día 27 de xuño, na Casa do Mar de San Cibrao: representantes de Adega, alcalde de Cervo, Delegado de Cultura da Xunta de Galiza, Manuel Miranda como testemuña imprescindíbel da desfeita que se fixo, e mais o noso presidente, expuxeron distintas posicións sobre o futuro do castro da Atalaia. Conclusión desesperanzada: apesar do esforzo das asociacións presentes e do numerosos público pedindo solucións, os dous responsábeis políticos non se aclararon a respecto do futuro. As esperanzas debilítanse, máis a xente anda moi quente e eles serán tamén responsábeis directos do que aconteza. Nestes casos é cando a xustiza debería intervir con presa. Farao? Nós seguiremos no combate. 

Grazas a Mariñapatrimonio pola dirección deste interesante acto. Boa estrea das súas actividades esta Táboa Redonda.

Domingo, 22 Xuño 2008 23:00

Mesa Redonda: O Castro da Atalaia

23 de xuño: Mesa Redonda: O Castro da Atalaia

LugoPatrimonio estará presente na mesa redonda do venres 27 de xuño na Casa do Mar de San Cibrao.

Visita o blog de MariñaPatrimonio para máis información:

http://www.blogoteca.com/mrpatrimonio

 

 

Mércores, 18 Xuño 2008 00:00

Xosé Manuel Vázquez Rodríguez


(San Xián do Campo-Taboada, 1964).- Licenciado en Xeografía e Historia. Ten numerosos traballos de investigación referidos ao campo da antropoloxía. Publicacións sobre decoracións con cal (esgrafiados), os Folións ou o Entroido na Ribeira Sacra, Patrimonio fluvial, Artes de pesca, Embarcacións, Mitos, A cultura do viño na Ribeira Sacra...

Forma parte da Asociación Barcas do Miño, desde a que se está a desenvolver un potente traballo sobre patrimonio fluvial.

O sábado 14 de xuño cumprimos un fermoso programa de visitas e paseos á igrexa de Diomondi, Codos de Belesar, catamarán con percorrido deica a fervenza de Augacaída e castro de Marce, Ecomuseo de Arxeriz, barcas e casas do Pincelo e, finalmente, degustación do viño da adega Lareu. Foi, portanto, un día completo, con sol, paisaxes, monumentos e a auga como trasfondo dos nosos estudos. A xente seguidora da nosa páxina pode entrar na sección ilustrada desta viaxe para comprobar fotograficamente o que aseguramos. 

O próximo día 3 de xullo continuaremos co Ciclo da Auga que nesta segunda parte dedicaremos ás augas dos mares, co programa detallado á marxe desta noticia. 

 

Na viaxe a Belesar do 14 de xuño do 2008 comprobamos certas situacións que as distintas institucións (concello do Saviñao, Patrimonio da Xunta de Galiza e Deputación de Lugo) poden arranxar sen grades problemas:

  1. Construcións nos arredores da igrexa de Diomondi que afean o conxunto (é, como sabemos, monumento nacional). Parecen, ademais, sen uso, polo que se podería derrubar o pendello que dá á fronte do camiño e acondicionar esteticamente as casas e palleiras que din abandonadas. Tamén o peto de ánimas que inicia o Camiño dos Codos.
  2. Non se entende que se promocionen arreo as viaxes en catamarán e non haxa un bar ou cafetaría na que se poda tomar algo; ou se teñan sen servizo de auga os lavabos do punto de embarque. É unha situación que non favorece a potenciación das visitas.

Temos que agradecer, tamén a atención esmerada que recibimos:

    • Do concello do Saviñao e do concelleiro Xosé Manuel Rodríguez Martínez pola axuda para ver a igrexa de Diomondi e por ter o camiño dos Codos de Belesar perfectamente transitábel e limpo. Vaia para eles, pois o noso agradecemento e felicitación.
    • Do persoal do catamarán pola disposición a que a viaxe polo Miño fose documentada e agradábel.
    • Da dirección do Ecomuseo de Arxeriz (Carme Casas e X. Antonio Quiroga) polo coidado e presentación que teñen en todas as instalacións, e tamén por esa disposición á información e ao sorriso.
    • Da Adega Lareu personalizada en Primitivo Lareu, tamén pola atención e datos que axudaron a enriquecer os nosos coñecementos. E polo viño, claro.

Para todos eles, pois, e dentro dos conceptos que narramos, vaia O RAMO da Xanela de LugoPatrimonio.

 

 

Lugo, 15 de xuño do 2008

O Presidente

Asdo.: Lois Diéguez


Viaxamos en batuxo polo Miño e fomos vendo as barcas distintas que nos legaron os devanceiros, e as artes de pesca que aínda se utilizan, as especies que desapareceron xa… un patrimonio de grande valor que está a agonizar pola falta de uso.

Vivimos con Xosé Manuel Vázquez Rodríguez a necesidade de usar, máis que contemplar, isto que se nos vai de vagar, en silencio, como un corazón que se está apagando. Mais aínda temos forzas para loitar contra a desfeita.

O sábado, día 14, viaxaremos a Belesar para contemplar realmente o que o etnógrafo nos contou: desde a igrexa de Diomondi (xoia do románico) baixaremos polos Codos de Belesar para embarcar despois no Catamarán (as ribeiras do Miño vistas desde o seu centro: igrexas, aldeas, illa de Sernande, fervenza de Augacaída…). Xantar e visita no pazo de Arxeriz. Portotide e barcas do Pincelo cos amigos que as protexen. Remataremos a xornada na adega e viñedos de Primitivo, en Sabadelle.

 

Mércores, 04 Xuño 2008 00:00

Xosé Ramón Mariño Ferro


(Castrofeito-A Coruña, 1950).- Antropólogo. Profesor de Antropoloxía Cultural na Facultade de Filosofía da U. de Santiago. Especialista no estudo do simbolismo na cultura popular cunha nova visión máis acaída á nosa personalidade e características. Antropoloxía de Galicia, Autobiografía dun labrego, Las romerías/peregrinaciones y sus símbolos, ou Muerte, religión y símbolos en una comunidad quechúa –produto dunha estancia entre os indios bolivianos– son só unha parte da súa ampla obra.

Busca nesta web

Próximos actos

  • Viaxe a Astorga +

    Día 26, sábado Viaxe a Astorga. Saída ás 8 horas. Ler Máis
  • Viaxe a Zaragoza e Tarragona +

    Do 5 luns ao 10 sábado Viaxe a Zaragoza e Tarragona. Saída ás 8 horas. Ler Máis
  • Conferencia de Helena López Gómez sobre “As mulleres en Roma vida e vicisitudes”. +

    Día 13 de maio, martes ás 20 horas Salón de actos da Deputación Provincial Conferencia de Helena López Gómez, doutora,  Ler Máis
  • 1

Faite Socio

Hai varias modalidades de socios de LugoPatrimonio.

Ver +info

O RAMO

Seccións

  • Colaboracións +

    artigos publicados por colaboradores de LugoPatrimonio Ler Máis
  • O Ramo +

    sección O Ramo da revista Na Xanela Ler Máis
  • A Pauliña +

    sección A Pauliña da revista Na Xanela Ler Máis
  • Fotolog +

    sección de fotografías Ler Máis
  • 1

ACCESO